viernes, 5 de junio de 2009

Educación presenta o cuestionario que responderán as familias sobre as linguas


A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presentou o cuestionario que recibirán os pais ou titores de 330.000 alumnos galegos para pronunciarse sobre as súas preferencias respecto ao uso dos idiomas oficiais no sistema educativo galego. O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, dixo en rolda de prensa que este cuestionario sobre o idioma será o «punto de partida» para derrogar o decreto actualmente vixente e para elaborar o novo.

Vázquez Abad, que estivo acompañado na rolda de prensa polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo Suárez, indicou que a iniciativa de levar a cabo esta consulta sobre o uso do idioma no sistema educativo servirá para «superar a conflitividade xerada» ao redor deste asunto.

Así mesmo, o titular de Educación puxo especial énfase ao indicar que a opinión que os pais ou titores dos alumnos expresarán no cuestionario terá especial peso á hora de elaborar a nova norma, que entrará en vigor previsiblemente no curso 2010-2011.

Ademais, sinalou que unha vez coñecido o resultado do cuestionario e elaborado o borrador do novo decreto, contarase tamén coa opinión das forzas políticas, dos sindicatos e dos docentes. «Primeiro escoitamos, e os pais, as familias e os escolares van falar; e despois de que falen, eses comentarios e esas opinións serán tidas en conta como punto de partida para o novo decreto», manifestou o conselleiro.

Segundo explicou Vázquez Abad, a consulta será secreta, terá carácter voluntario e unha vez cuberta entregarase no centro educativo do alumno con data límite o día 19 de xuño. Ao longo da semana que vén as enquisas chegarán a todos os centros escolares da comunidade autónoma de Galicia e entregaranse aos alumnos, que á súa vez as farán chegar aos seus pais ou titores. Vázquez Abad expresou o seu convencemento de que a participación dos pais neste cuestionario vai ser moi alta.

No hay comentarios: